XXII Premio Xornalistas de liberdade de prensa

O premio Xornalistas recoñece a unha persoa ou organización que destaque pola defensa da liberdade de prensa ou sexa, ou fora, perseguida polo exercicio do xornalismo e por protexer o dereito a informar e a recibir información. O galardón é unha distinción do xornalismo galego a comunicadores de calquera orixe cuxo compromiso mereza o recoñecemento profesional e social.

Candidaturas desta edición

Selecciona a candidatura pola que queres votar. Ver todas as candidaturas

José Precedo

José Precedo é, desde os inicios da súa carreira profesional en Galicia, un dos nomes principais do xornalismo político e de investigación en España, onde se distinguiu sempre polo seu traballo vencellado ao servizo público, á proximidade e á responsabilidade social. O pasado novembro, cando declarou no Tribunal Supremo no cadro do proceso ao Fiscal Xeneral do Estado, defendeu dunha maneira firme e contundente alicerces do oficio como a confidencialidade das fontes e a lexitimidade do traballo informativo, erixíndose así nun estandarte da independencia do xornalismo fronte a calquera tentativa de instrumentalización xudicial.

Periodistas y Comunicadores Independientes de Nicaragua

Periodistas y Comunicadores Independientes de Nicaragua (PCIN) créase en decembro de 2018 como resposta aos ataques do goberno dese país contra as e os xornalistas, que o sitúan actualmente nun dos últimos postos da clasificación mundial da liberdade de prensa de Reporteiros Sen Fronteiras. A súa candidatura representa unha homenaxe as comunicadoras e comunicadores nicaraguanos que seguen a informar desde o país ou o exilio e denunciar contra todas as dificultades, ao tempo que lembra a gravísima situación que sofre a liberdade de prensa nese país centroamericano.

Mary Bruce

Mary Bruce é unha xornalista con máis de 20 anos de traxectoria profesional rigorosa e con experiencia en coberturas informativas diversas, especialmente no ámbito político estadounidense, con destinos tan complexos como o Capitolio e a Casa Branca. En novembro de 2025, tras unha reunión na Casa Branca entre o presidente Donald Trump e o príncipe herdeiro saudita Mohammed bin Salman, Bruce preguntou ao presidente polo conflito de intereses que poderían supor os negocios da súa familia en Arabia Saudita e pola publicación dos arquivos Epstein, e a bin Salman sobre o seu papel no asasinato do xornalista Jamal Khashoggi en 2018. En resposta, Trump atacou verbalmente a xornalista e a súa cadea.

Últimas novas sobre o premio