Volver á listaxe

Khadija Amin

Candidatura na edición do ano 2025

Khadiya Amin cando presentaba os informativos da televisión afgá

Khadija Amin é unha xornalista afgá refuxiada en España desde agosto de 2021, cando os talibáns asaltaron o poder en Afganistán. Antes diso, Amin era a cara visible dos informativos matinais da televisión pública afgá, onde traballaba como presentadora e reporteira. O mesmo día que os talibáns entraron en Kabul, Amin saíu por última vez na pantalla e foi expulsada. Unha semana despois fuxía a España evacuada polas forzas aéreas españolas desprazadas no país. 

Nacida en Kabul en 1993, Khadija Amin viviu ata os oito anos de idade baixo o primeiro réxime talibán. Cando tiña 19 anos foi casada pola súa familia cun home ao que non coñecía e co que tivo tres fillos. Tras seis anos de malos tratos e reclusión divorciouse e decidiu estudar xornalismo. Non foi doado: non contaba co beneplácito da súa familia. Asistía ás clases polas mañás e traballaba polas tardes.

O seu primeiro emprego foi nunha canle de educación. Despois comezou a traballar na televisión pública de Afganistán. Como reporteira viviu en primeira persoa o terrorismo que sofre o país. Ademais, marcou un fito profesional ao converterse na presentadora do informativo matinal da canle pública, unha referencia pola escasa presenza feminina na esfera pública afgá. O 15 de agosto de 2021 os talibáns entraron en Kabul e Khadija Amin foi expulsada do seu traballo. 

Recluída na casa, dedicouse a falar con numerosos medios internacionais para denunciar a situación á que estaban volvendo a condenar ás mulleres, o que a converteu nun referente da loita das mulleres afgás. A súa vida corría serio perigo e recibiu ameazas de morte. Só unha semana despois, por intermediación de xornalistas españolas, Amin foi evacuada e trasladada a España.

Amin autodefínese como activista feminista e colabora con diversas entidades para dar a coñecer a situación das mulleres en Afganistán, crear redes de apoio para acoller mulleres e nenas que chegan exiliadas e proporcionar educación clandestina ás que permanecen no seu país. Escribe quincenalmente unha columna sobre a situación das mulleres afgás no diario 20 Minutos e traballa tamén nunha produtora audiovisual para realizar un documental sobre este asunto. Ademais, está a piques de rematar un libro autobiográfico.

Os textos aquí recollidos pertencen ás candidaturas presentadas ao Premio. Os organizadores non comparten, necesariamente, o seu contido.