Volver á listaxe

Mary Bruce

O proceso de votacións para esta edición xa rematou

Mary Bruce (Foto: Pawel Kaminski/ABC)

Mary Bruce é unha xornalista con máis de 20 anos de traxectoria profesional rigorosa e con experiencia en coberturas informativas diversas, especialmente no ámbito político estadounidense, con destinos tan complexos como o Capitolio e a Casa Branca. En novembro de 2025, tras unha reunión na Casa Branca entre o presidente Donald Trump e o príncipe herdeiro saudita Mohammed bin Salman, Bruce preguntou ao presidente polo conflito de intereses que poderían supor os negocios da súa familia en Arabia Saudita e pola publicación dos arquivos Epstein, e a bin Salman sobre o seu papel no asasinato do xornalista Jamal Khashoggi en 2018. En resposta, Trump atacou verbalmente a xornalista e a súa cadea.

Mary Bruce é a correspondente xefa de ABC News na Casa Branca. Natural de Washington D.C, comezou a traballar en ABC News en 2006. Como reporteira, informou sobre eleccións, os incendios forestais en California, a crise de refuxiados en Europa, viaxes presidenciais ao estranxeiro...

En 2017 foi nomeada correspondente senior do Congreso, onde analizou a actualidade política e realizou a cobertura dos xuízos políticos contra o presidente Trump, a investigación da interferencia rusa nas eleccións presidenciais de 2016, o Informe Mueller e as confirmacións de xuíces do Tribunal Supremo.  En 2021 comezou a traballar como correspondente na Casa Branca, realizando a cobertura da administración Biden e das eleccións de metade de mandato de 2022. Xa como correspondente xefa, informou da campaña das eleccións presidenciais de 2024 e realiza a cobertura da segunda administración de Donald Trump.

O 18 de novembro do ano pasado, na conferencia de prensa posterior a unha recepción no despacho oval de Mohammed bin Salman, principe herdeiro de Arabia Saudita, as súas preguntas ao presidente estadounidense (sobre o conflito de intereses dos seus negocios no país árabe e sobre por que aínda non fixera públicos os papeis do caso Epstein) e a bin Salman (sobre o seu papel no asasinato do xornalista crítico Jamal Kashoggi en 2018) provocaron a ira de Trump, que respondeu dicindo cousas como que era "unha mala xornalista", que fixera "unha pregunta horrible" ou "deberan quitarlle a licencia a ABC, porque as súas noticias son falsas”.

Entre os recoñecementos que recibiu polo seu traballo destaca o premio Joan S. Barone, concedido polos periodistas do Capitolio pola súa reportaxe sobre a confirmación do xuíz Kavanaugh no Tribunal Supremo.

Outorgarlle o Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa a Mary Bruce suporía recoñecer a valentía dunha xornalista que non abandona a súa obriga de fiscalizar o poder malia as presións e que pon en valor a importancia da liberdade de prensa e do respecto aos dereitos humanos recordando o asasinato dun xornalista. A través de Bruce o galardón tamén suporía a apoio e recoñecemento do xornalismo galego aos periodistas estadounidenses que resisten ao deterioramento da liberdade de prensa no país, ante os continuos ataques á prensa de Donald Trump e a súa administración.

Os textos aquí recollidos pertencen ás candidaturas presentadas ao Premio. Os organizadores non comparten, necesariamente, o seu contido.