Acción contra el odio
Candidatura na edición do ano 2025
Logo de Acción contra el odio Acción contra el odio é unha plataforma cívica creada en 2024 para defender unha esfera pública libre de mentiras, difamacións e ameazas. Con varios xornalistas como fundadoras e fundadores, entre os obxectivos do proxecto están detectar ataques contra o dereito á información, reportar a difusión de mentiras e a desinformación e promover campañas de apoio a xornalistas que poidan ser procesados por publicar investigacións ou noticias veraces.
A plataforma cívica Acción contra el odio é un proxecto colectivo de periodistas, xuristas, activistas e académicos, aberto á cidadanía, para defender a información veraz e unha democracia máis xusta e igualitaria. O seu obxectivo é levar ante a xustiza aqueles que enchen a esfera pública de mentiras, difamacións e ameazas contra colectivos e persoas indefensas. Naceu a finais de 2024, dentro da plataforma de CTXT, impulsada por 3.801 persoas e por medios e entidades como Alces XXI, Pandemia Digital, Luzes, Facua, Spanish Revolution, a Casa José Saramago, La Fragua, o Institut de Drets Humans de Catalunya e a Asociación de Víctimas de Noticias Falsas.
A súa presidenta é a xornalista Pilar del Río e o presidente de honra, José Antonio Martín Pallín, maxistrado emérito do Tribunal Supremo. Entre os fundadores e fundadoras do proxecto están periodistas como Mónica Andrade, Jesús Ceberio, Nieves Concostrina, Diego Delgado, Vanesa Jiménez, Miguel Mora, Xosé Manuel Pereiro, Manuel Rivas, Gerardo Tecé ou Adriana Torres. Unha das dimensións do proxecto é especificamente periodística, posto que monitoriza redes e medios para detectar ataques contra o dereito a unha información veraz, informa sobre casos de desinformación e promove campañas de apoio a xornalistas que poidan ser procesados por publicar investigacións ou noticias veraces.
Nos seus primeiros meses de vida a iniciativa presentou denuncias contra varios ‘influencers’ por difundiren discursos de odio e solicitou á Mesa do Congreso dos Deputados a retirada da credencial como xornalista ao axitador de extrema dereita Vito Quiles, por difundir mentiras e discursos de odio e formar parte das listas dun partido político, circunstancias incompatibles coas boas prácticas periodísticas.
O seu é un exemplo da imprescindible reacción do periodismo e da sociedade civil ante as graves consecuencias da desinformación e as mentiras interesadas que invaden de maneira crecente o noso espazo público.
Os textos aquí recollidos pertencen ás candidaturas presentadas ao Premio. Os organizadores non comparten, necesariamente, o seu contido.