Volver á listaxe

Sindicato de Xornalistas Palestinos

Premio na edición do ano 2025

Logo do Sindicato de Xornalistas Palestinos

Fundado en 1979, o Sindicato de Xornalistas Palestinos é a organización que representa os e as profesionais da información dese país, tanto se traballan dentro como na diáspora. Nun contexto de violencia extrema, represión e censura, especialmente preocupante desde outubro do 2023, o sindicato constitúe un bastión na loita pola liberdade de información e a protección dos profesionais da comunicación en Palestina.

O Sindicato de Xornalistas Palestinos (PJS) é unha organización profesional non gobernamental que representa a totalidade dos xornalistas palestinos. A súa sede principal está en Ramala, aínda que conta con sucursais noutras gobernacións. Herdeiro do primeiro sindicato, nacido en 1924 e desaparecido coa Nakba, fundouse en 1979 baixo o nome de Liga de Xornalistas Árabes en Xerusalén, debido á prohibición israelí de utilizar referencias explícitas a Palestina. Co retorno da Autoridade Nacional Palestina en 1994, consolidouse como o marco sindical de referencia para os xornalistas palestinos dentro e fóra do país.

O PJS enfronta retos constantes debido á ocupación israelí e á censura da información en Palestina. Dende o 7 de outubro de 2023, os xornalistas palestinos foron obxecto dunha campaña sistemática de persecución por parte do exército israelí, con 167 xornalistas palestinos asasinados a 9 de xaneiro deste ano, segundo datos do propio sindicato. Ademais, hai centos de xornalistas palestinos arrestados, numerosas vivendas de profesionais da comunicación destruídas e oficinas de medios bombardeadas. O bloqueo de correspondentes estranxeiros en Gaza e a censura contra o contido propalestino nas redes sociais forman parte tamén dunha estratexia de control informativo.

A pesar da represión, o PJS segue loitando pola liberdade informativa, garantindo que as violacións dos dereitos humanos en Palestina sexan documentadas e difundidas a nivel mundial. O seu traballo é fundamental para a preservación da memoria histórica e a denuncia das inxustizas que se están a cometer en Oriente Próximo, e ten sido recoñecido con galardóns como o Premio Mundial de Liberdade de Prensa Guillermo Cano outorgado en 2024 pola ONU e a UNESCO aos xornalistas de Gaza.

Os textos aquí recollidos pertencen ás candidaturas presentadas ao Premio. Os organizadores non comparten, necesariamente, o seu contido.