Volver á listaxe de novas

Este sábado 10 de maio entrégase en Santiago o XXI Premio Xornalistas ao Sindicato de Xornalistas Palestinos

O acto de entrega do XXI Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia coa colaboración da área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña, que recaeu este ano no Sindicato de Xornalistas Palestinos, vai ter lugar a partir das 12:30 deste sábado no Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago (Rúa de Ramón del Valle-Inclán, 2). Nasser Abu Baker, presidente do sindicato, recollerá o premio en nome da organización.  

Este sábado 10 de maio vai ter lugar o acto de entrega da vixésimo primeira edición do Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa, convocado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia coa colaboración da Deputación da Coruña, a través da área de Dereitos Civís, como distinción da profesión galega a aquelas persoas ou organizacións que destaquen pola defensa da liberdade de prensa. O galardón recaeu nesta ocasión no Sindicato de Xornalistas Palestinos (PJS, polas súas siglas en inglés), a organización profesional non gobernamental que representa a totalidade dos xornalistas palestinos, como recoñecemento da situación dramática que están a vivir as e os informadores palestinos. 
 
O acto de entrega estará presentado pola xornalista Ainhoa Apestegui e vai dar comezo a partir das 12:30 horas coa lectura do manifesto do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia con motivo do Día Internacional da Liberdade de Prensa, a cargo do seu autor, Anxo Quintela. A continuación, Valeria Pereiras vai realizar unha entrevista a Nasser Abu Baker, presidente do SPJ, sobre as condicións que sofren as e os xornalistas en Palestina e o traballo que está a realizar o sindicato en favor da liberdade de prensa. Finalmente, Abu Baker recollerá o XXI Premio Xornalistas, consistente nunha imaxe dun ou dunha fotoxornalista galega, que nesta edición é da autoría de Óscar Corral, recente Premio Ortega y Gasset á mellor fotografía. Ademais, o acto vai contar coa actuación musical de Najla Shami, cantora e compositora galega de orixe palestina. 
 
A asistencia aos actos é completamente gratuíta e aberta ao público xeral até completar a capacidade do auditorio. Con todo, de cara á organización do acto, agradécese comunicar a asistencia no teléfono 981 93 56 70 ou no correo electrónico xornalistas@xornalistas.gal antes das 14.00 horas deste venres 9 de maio.
 
CPXG