Volver á listaxe de novas

José Precedo: "Respectar e preservar as fontes é o primeiro mandamento da profesión"

O xornalista galego José Precedo recolleu esta mañá en Pontevedra o XXII Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa, nun acto convocado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia coa colaboración do Concello de Pontevedra. O galardoado defendeu que o traballo xornalístico "é sempre un traballo colectivo".

O acto de entrega a José Precedo do XXII Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia coa colaboración do Concello de Pontevedra, tivo lugar esta mañá na Casa Consistorial da cidade do Lérez. O xornalista galego asegurou que segue a crer que o xornalismo "é cada vez máis necesario" e que defenderá "sempre e ante quen sexa o dereito profesional e a protección das nosas fontes".

A cerimonia estivo presentada polos xornalistas Pablo Lago Pita e Laura Fresneda Muíña, en representación de dúas xeracións distintas do xornalismo de Pontevedra, e deu comezo cos discursos de benvida da decana do Colexio de Xornalistas, Belén Regueira Leal,  quen afirmou que "a información veraz é tan importante como a auga potable e como o aire limpo" e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que manifestou que "as sociedades democráticas necesitan medios libres e xornalistas valentes".
 
A continuación, Belén López Rodríguez deu lectura ao texto "Conciencia e resistencia", o manifesto do CPXG polo Día Internacional da Liberdade de Prensa, escrito por ela mesma, que defende que aínda que "hai pouco que celebrar" nesta data, "sen embargo, hai moito que celebrar" porque aínda "quedan profesionais para os que contar a verdade segue sendo o único que importa". Fronte a "un mundo que quedou reducido en boa medida a puro espectáculo de entretemento", o texto reivindica que "a profesionalidade e a especialización son as grandes esperanzas da profesión". 
 
Logo da proxección dun vídeo que lembra a historia do premio e as outras candidaturas desta edición, Mary Bruce e Periodistas y Comunicadores Independientes de Nicaragua, José Precedo foi entrevistado pola xornalista Natalia Puga López. Na conversa, o premiado lembrou coberturas da súa carreira profesional como a catástrofe do Prestige, a crise política no Concello de Santiago ou a investigación a Alberto González Amador por fraude fiscal. Precedo asegurou que "o traballo en equipo é o único que podo entender, o traballo dunha redacción, que sempre é un traballo colectivo". Sobre a súa intervención no Tribunal Supremo, relatou que declarar nesa sala "impón moito", pero "se estás facendo o que cres que tes que facer, tiras para adiante". Contra a perda de confianza no xornalismo, o galardoado defendeu "volver ás esencias" dun "traballo que ten que ser humilde" e que "un xornalista se pareza máis a outro xornalista que a un representante de partido". 
Finalmente, Belén Regueira, decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, entregoulle a Precedo o premio, consistente nunha fotografía de Mercedes Moralejo que lembra a cobertura informativa do Prestige. No seu discurso, o xornalista quixo compartir o premio "co resto dos nominados e coa redacción de eldiario.es, que se viu insultada e ameazada só por facer o seu traballo", ademais de co persoal "que leva sete anos manifestándose" nos venres negros "polo dereito a recibir unha información de calidade nos medios públicos de Galicia". Precedo asegurou que "nunha época na que hai un intento de confundilo todo", por veces ten dúbidas de que o xornalismo sexa o mellor oficio do mundo, "pero sigo pensando que cada vez é máis necesario". Por iso, mostrouse decidido a defender "sempre e ante quen sexa o dereito profesional e a protección das nosas fontes", xa que "respectalas e preservalas non é só un dereito constitucional, é tamén o primeiro mandamento da profesión". 
 
A candidatura premiada

José Precedo comezou a súa carreira profesional en Galicia, onde deu os primeiros pasos no oficio e onde se forxou unha concepción do xornalismo ligada ao servizo público, á proximidade cos feitos e á responsabilidade social da información. Esa formación inicial, vinculada ao ecosistema mediático galego, resultou clave para entender unha traxectoria posterior que mantén, de forma constante, unha mirada crítica sobre o exercicio do poder e unha esixencia elevada en termos de verificación, contextualización e independencia.

Co paso dos anos, consolidouse como un dos xornalistas máis relevantes do xornalismo político e de investigación en España, especialmente a través do seu traballo en elDiario.es, medio no que desenvolveu algunhas das investigacións máis relevantes dos últimos anos sobre o funcionamento do poder institucional e os seus límites democráticos.  Un dos ámbitos nos que o seu traballo acadou maior impacto público foi o das investigacións relacionadas coa Comunidade de Madrid e co Goberno presidido por Isabel Díaz Ayuso. Nese contexto, asinou e coordinou informacións de primeiro nivel que contribuíron a esclarecer prácticas opacas, conflitos de interese e decisións políticas con consecuencias directas sobre a cidadanía. 

Mais se hai un episodio recente que simboliza de maneira especialmente clara o compromiso de José Precedo coa liberdade de prensa e coa boa praxe xornalística, é a súa actuación no contexto do procedemento xudicial no que se investigou ao Fiscal Xeral do Estado e no que o Tribunal Supremo chamou a declarar a profesionais da información. Nese escenario, de enorme relevancia institucional e democrática, José Precedo defendeu con claridade e firmeza principios esenciais do oficio: o dereito á confidencialidade das fontes, a lexitimidade do traballo informativo e a necesidade de preservar a independencia do xornalismo fronte a calquera intento de instrumentalización xudicial.

O premio

O Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa, outorgado polo conxunto de colexiados e colexiadas do CPXG, recolle o legado do Premio José Couso para recoñecer a unha persoa ou organización que destaque pola defensa da liberdade de prensa ou sexa, ou fora, perseguida polo exercicio do xornalismo e por protexer o dereito a informar e a recibir información. O galardón constitúe unha distinción do xornalismo galego a periodistas de calquera orixe cuxo compromiso mereza o recoñecemento profesional e social.

O gañador do ano pasado do Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa foi o Sindicato de Xornalistas Palestinos, e baixo a denominación de Premio Couso foron tamén galardoados Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi; Marcos Méndez; Érika Reija; Manuel Rico; Lorenzo Milá; Defende a Galega; Julia Otero; Xosé Hermida; Miguel Ángel Aguilar; Jordi Évole; Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas; Mónica García Prieto; o Consello de Informativos de TVE; WikiLeaks; Daniel Anido e Rodolfo Irago; Rosa María Calaf; José Vidal-Beneyto; Jon Lee Anderson; Le Monde Diplomatique e Ali Lmrabet.

CPXG